martes, 30 de xaneiro de 2018

DÍA DA PAZ

Este ano para celebrar o Día da Paz, baixo o lema "Por un mundo en cor", decidimos facer unha reflexión sobre situacións de inxustiza que se viven en moitos lugares, que non por afastados de nós deberan ser ignorados.
As alumnas e alumnos convertéronse en refuxiadas e refuxiados, nenos soldado, feridos por minas antipersoa, mulleres lapidadas..., protagonizando esceas enfrontadas a outras moito máis amables que forman parte, afortunadamente, da nosa realidade cotiá.
Estas imaxes están expostas na entrada do centro, acompañadas por textos explicativos, e con elas elaboramos a seguinte presentación. 



Moitas grazas a todas e todos os protagonistas!!
Se queredes ver estas e algunhas imaxes máis tomadas durante estes días, premede no enlace.
MÁIS IMAXES

venres, 19 de xaneiro de 2018

ANO NOVO... SECCIÓN NOVA

Inauguramos unha sección nova na biblioteca adicada á fotografía. Co asesoramento de Rubén (profesor de Ciencias Sociais) rescatamos libros de fotografía que pasaban inadvertidos no andel de Arte e mercamos novos títulos. Para darlles visibilidade, Rubén organizou na entrada do centro unha exposición sobre a fotografía histórica en Galicia no século XX, con imaxes de Viéitez, Ferrol, Ksado...

Esperamos que vos guste!!


martes, 19 de decembro de 2017

CHEGA O NADAL

Os dous grupos do Club de lectura Ghuaidelai tiveron onte unha comida conxunta para celebrar a fin do primeiro trimestre e da primeira lectura do curso. Despois duns bombóns e das deliciosas galletas elaboradas por Candela, preparamos unha actividade relacionada con cada unha das lecturas (Vaiche boa! e Chamando ás portas do ceo), que presentaremos despois das vacacións.




Bo Nadal a todas e todos!!!

venres, 15 de decembro de 2017

NOVIDADES

Para celebrar o Nadal elaboramos un mural con todas as novidades que foron chegando estas últimas dúas semanas á nosa biblioteca: ciencia, igualdade, aventura, cine, identidade sexual, ecoloxía...

Esperamos que vos gusten!!







O Nadal é unha boa época para a lectura!!

domingo, 10 de decembro de 2017

DÍA DOS DEREITOS HUMANOS

Hoxe celébrase o Día dos Dereitos Humanos, conmemorando a data na que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas adoptou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, en 1948.
Dende a biblioteca queremos recomendar un libro, La aventura humana, unha recompilación de trinta contos populares procedentes de África, Asia e Latinoamérica, que corresponden a cada un dos artigos da Declaración de 1948.

Hai varios exemplares na nosa biblioteca!!

luns, 4 de decembro de 2017

OS DEREITOS DA INFANCIA

O día 20 de novembro, data do aniversario da Declaración Universal dos Dereitos do Neno en 1959, celebrouse o Día Universal do Neno. Este ano 2017 UNICEF animaba aos nenos e nenas de todo o mundo a prestar a súa voz para apoiar aos millóns de menores que, a diferenza deles, non poden ir ao colexio ou están desprotexidos. Por iso, algúns membros do Club de lectura gravaron ese día un vídeo, facendo así a súa pequena achega á difusión destes dereitos.
Velaquí está o resultado!!


sábado, 25 de novembro de 2017

POR TODAS AS MULLERES, ERGÁMONOS!!!

Este é o título do manifesto lido polos representantes dos catro cursos da ESO do noso centro nun acto convocado polo Concello de Fisterra con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Ao acto, que forma parte da campaña de sensibilización "En Negro contra as violencias", asistiu alumnado e profesorado dos centros educativos da localidade para reivindicar a igualdade e o respecto entre homes e mulleres, e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia machista.

Cremos que nós podemos facer moito dende a nosa profesión porque, como dicía un fragmento do manifesto lido, debemos transmitir "Educación para facernos fortes. Educación para desfacer os prexuízos e estereotipos sobre as mulleres. Educación para adquirir conciencia crítica e saír da escola convencidas de que podemos facer que o mundo cambie. Educación para esixir os nosos dereitos e que se faga todo o necesario para que ningunha muller morra asasinada."

O manifesto incluía fragmentos dun poema de Victoria Ash traducido ao galego.






Mario, Mariña, Minia e Zaira, membros do Club de lectura e representantes de cada un dos cursos, ensaiando a lectura do manifesto.





Alumnas e alumnos de volta do acto organizado polo Concello.