luns, 1 de xuño de 2026

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Hoxe tivo lugar no centro unha Xornada de portas abertas, na que o alumnado de nova incorporación no vindeiro curso e o seu profesorado puido ver a nosa biblioteca e aprender sobre o seu funcionamento grazas ás explicacións de parte do alumnado do Equipo de Voluntarias e Voluntarios, tamén integrantes do Club de lectura, que, a modo de resumo, remataron coa presentación "A nosa biblioteca".
 
Esperamos que cheguedes a gozar dela tanto coma nós!!
 

Se fas clic aquí, podes ver a presentación.
 

mércores, 20 de maio de 2026

ENCONTRO CON PAULA CARBALLEIRA

Hoxe tivo lugar na biblioteca un esperado encontro do alumnado de 1º, 2º e 4º ESO e profesorado do Club de lectura con Paula Carballeira, coa que falamos dos seus libros O lobishome de Candeán, Carabela e As alumnas.

Grazas a David Cortizo, da editorial Galaxia, por facer posible este momento! 
 
 
 
 

luns, 18 de maio de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

Para celebrar o Día das Letras Galegas elaboramos un mural sobre Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano, expuxemos os libros da nosa biblioteca escritos por ela ou sobre ela e publicamos un díptico co que pretendemos dar a coñecer un pouco máis a súa figura.
 
 

venres, 24 de abril de 2026

CUANDO LOS SUEÑOS HABLAN

Hoxe tivo lugar na Biblioteca Francisco Mayán de Cee a presentación do libro Cuando los sueños hablan, un thriller do noso ex-alumno Asier Fraga Caballero.
 
Parabéns, Asier, pola boa acollida da túa primeira obra!
 

xoves, 23 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO

Chegou o Día do Libro, e como o celebramos nós? Un ano máis, recomendamos lecturas, convocamos o III Concurso de Booktubers IES Fin do Camiño e o concurso Guess the Book para alumnado e profesorado ... e recibimos como agasallo bombóns e marcapáxinas personalizados! 

 

 

xoves, 2 de abril de 2026

DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Coma outros anos, o IBBY conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen, como xeito de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos e novas.

Cada ano unha sección nacional do IBBY é a patrocinadora da conmemoración, seleccionando un escritor ou escritora representativos e un recoñecido ilustrador ou ilustradora do seu país para que elaboren a mensaxe e o cartel dirixidos a todos os nenos e nenas do mundo. Chipre é o encargado no 2026. O lema é "Planta historias e o mundo florecerá!", da autora Elena Perikleous
 e o deseño do cartel é da ilustradora Sandra Eleftheriou.
 
 
Neste día queremos render unha homenaxe a aquelas autoras que nos visitaron nos últimos anos e coas que compartimos estupendos momentos arredor da lectura dos seus libros.
 
 

venres, 27 de marzo de 2026

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

A celebración do Día Mundial do Teatro é unha iniciativa impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI). 

Un dos seus actos máis importantes é a elaboración e difusión da Mensaxe do Día Mundial do Teatro, na que figuras importantes a nivel internacional son invitadas polo ITI para compartir os seus pensamentos sobre o teatro e a cultura de paz. Este ano a persoa encargada é o actor Willem Dafoe. Podedes ler a súa mensaxe aquí.
 
E como o celebramos nós? Creamos o noso particular taboleiro-escenario onde expuxemos os datos que consideramos máis salientables dos autores e autoras teatrais máis lidos por nós. Por outra banda, tamén amosamos algúns dos fondos teatrais da nosa biblioteca e elaboramos un díptico coas nosas recomendacións.