luns, 19 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.
Deixámosvos a lectura dalgúns fragmentos de obras escritas por mulleres cunha temática común: "o esforzo cotián das mulleres", o elixido este ano. 


sábado, 17 de outubro de 2020

MIGUEL DELIBES

Hoxe celébrase o centenario do nacemento de Miguel Delibes. Autor de obras tan coñecidas como, entre outras, La sombra del ciprés es alargada, coa que obtén o Premio Nadal en 1948, El camino (1950), Las ratas (1962), Cinco horas con Mario (1966), adaptada ao teatro, El príncipe destronado (1973), Los santos inocentes (1981), levada ao cine por Mario Camus ou El hereje (1998).
Considerado un dos principais referentes da literatura española, obtivo ao longo da súa carreira os máis destacados galardóns do ámbito literario: o Premio Nadal (1948), o Premio da Crítica (1953), o Príncipe de Asturias (1982), o Premio Nacional de las Letras Españolas (1991) e o Premio Miguel de Cervantes (1993), entre outros.
Foi ademais xornalista, chegando a ser director de El Norte de Castilla, xornal que no especial publicado con motivo do centenario inclúe catro podcast nos que podemos escoitar a voz de Delibes.

Nós quixemos homenaxealo lendo fragmentos dalgunhas das súas obras. Se facedes clic na icona que hai debaixo de cada portada poderedes escoitar a Brais, Óscar, Alanis, Aroa e Elisa; e se facedes clic no centro das portadas, teredes máis información sobre os libros.

venres, 16 de outubro de 2020

MÁIS PREMIOS

A poeta galega Olga Novo vén de gañar o Premio Nacional de Poesía 2020 pola súa obra Feliz Idade. Da súa obra o xurado destacou que se trata dun "relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo".
Outros poemarios seus son A teta sobre o sol (1996), Nós nus (1997, premio Losada Diéguez de Creación), A cousa vermella (2004) e Cráter (2011), que foi premio da Crítica española.

Fotografía de Faia Costeira


venres, 9 de outubro de 2020

PREMIO NOBEL

Onte dábase a coñecer a galardoada co Premio Nobel de Literatura 2020: a poeta norteamericana Louise Glück. En palabras do xurado, este galardón débese á "súa inconfundible voz poética que con austera beleza fai universal a existencia individual".
A súa primeira obra foi o volume de poesía Firstborn en 1968 e dende entón leva publicadas doce coleccións de poesía e algúns volumes de ensaio que tratan temas como a infancia ou a vida familiar, que entronca con mitos da antigüidade ou coa tradición literaria de occidente.

Fotografía de Jakson2204
Fotografía de Jakson2204

xoves, 1 de outubro de 2020

QUINO

Onte morría Quino, creador de Mafalda, esa nena crítica, lúcida, pacifista e contestataria, protagonista dunhas tiras cómicas que, aínda que só se publicaron entre 1964 e 1973, seguiron traducíndose e reeditándose, recorrendo todo o mundo ata hoxe, entusiasmando a varias xeracións.
Cremos que é un bo momento para reler ou coñecer por primeira vez as aventuras desta rapaza e as personaxes que a rodean, achegándovos á nosa biblioteca... alí vos esperan!


 

mércores, 23 de setembro de 2020

DE VOLTA... CON NOVAS NORMAS

E aquí estamos un curso máis, esta vez con novas normas na nosa biblioteca, debidas á situación sanitaria ocasionada pola COVID-19. Pero isto non significa que non continuemos a dar o servizo de préstamo, ou que non poidamos usar o espazo da biblioteca e os seus ordenadores... Seguiremos con ilusión, gozando da lectura, coma sempre, pero intentando minimizar os riscos de contaxio, por iso, coa fin de manter na medida do posible a continuidade do grupo de pertenza contemplada en todas as actividades do centro, asignarase un día da semana a cada clase para que poidades vir.
Aquí podedes atopar as normas que, en principio, rexerán o uso da biblioteca durante este curso.

martes, 15 de setembro de 2020

MARIO BENEDETTI

Onte celebrouse o centenario do nacemento do escritor uruguaio Mario Benedetti, autor de poemas como “Hagamos un trato”, "Los formales y el frío" ou "Soneto de la que fue".
Para renderlle homenaxe, no Instituto Cervantes congregáronse cantantes e poetas como Serrat, Sabina, Rozalén, Benjamín Prado, Elvira Sastre, Vanesa Martín ou Ismael Serrano e recitaron algúns dos seus poemas.

Fotografía de Elisa Cabot.