luns, 25 de xuño de 2018

PREMIOS

Chega a fin de curso e, con ela, o momento da colleita... esta vez de premios. O xoves 21 déronse a coñecer as gañadoras dos diferentes concursos convocados pola nosa biblioteca. A gañadora do II Concurso do Día das Letras Galegas, Quen é quen?, foi Denis Nemiña Mariño; a gañadora do certame de relatos de terror celebrado en Samaín e do 1º premio do concurso Nós lemos en galego, e ti? foi Minia Ferrío Andrade e a do 2º premio, Candela Vázquez Martínez. Parabéns ás tres!!
A elas e a outros grandes lectores e lectoras do noso centro, vai dedicada esta montaxe audiovisual.
Esperamos que vos guste!! 

 

domingo, 24 de xuño de 2018

GHUAIDELAI E AS SÚAS LECTURAS

Como xa remata o curso, decidimos facer unha "memoria audiovisual" de todas as lecturas levadas a cabo durante estes nove meses no Club de lectura.


E como é tempo de despedidas, queremos desexarlles o mellor a tres membros do Club que nos deixan para seguir facendo camiño: Mariña, Yasmina e Lara... Esperamos que continúen a gozar e facer gozar coa lectura, tal como fixeron con nós os anos que nos acompañaron.

sábado, 23 de xuño de 2018

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

O xoves 21 celebramos a fin de curso con varias actividades: campaña de doazón de sangue Fisterra Doa, obradoiro de rap con Leö KCh, obradoiro de resolución pacífica de conflitos con Alicce e un obradoiro de ilustración na biblioteca impartido polo ilustrador Xosé Cobas, de recoñecido prestixio e gañador de diversos premios. Como remate do obradoiro, agasallounos cunha das súas "metáforas", creada alí mesmo, ante nós. Moitas grazas!!


luns, 18 de xuño de 2018

GHUAIDELAI REMATA O TRIMESTRE

Hoxe o noso club de lectura Ghuaidelai rematou as reunións deste curso: nove meses cargados de actividades que xiraron arredor da lectura, unha das nosas paixóns.
Durante este último trimestre o grupo de 1º e 2º leu dous libros: A pel do mundo, de Berta Dávila, libro de poemas que supón unha viaxe por distintos países a través sempre de figuras de nenos e nenas; e Todos somos, de Marcos Calveiro, un libro sobre a desaparición dunha nena e, sobre todo, sobre as consecuencias negativas que isto implica nas familias, na sociedade, nos medios de comunicación...
O grupo de 3º e 4º leu tres libros: 22 segundos, de Eva Mejuto, sobre a identidade sexual e o respecto ao diferente; O derradeiro irmán, de Nathacha Appanah, unha conmovedora historia sobre o significado da verdadeira amizade; e Segredos no Solpor, de Iria Misa, novela de intriga na que se combinan sentimentos ocultos, prexuízos, medos...


 

xoves, 7 de xuño de 2018

O GALEGO, A MIÑA LINGUA PROPIA

O luns gozamos na biblioteca da derradeira actividade relacionada coa celebración das Letras Galegas: o espectáculo de música e audiovisual da cantautora de Arzúa M.J. Pérez. Esta actividade, facilitada polo Concello de Fisterra, forma parte da nova campaña de dinamización lingüística lanzada pola Deputación da Coruña, O galego, a miña lingua propia, que tenta promocionar o uso do galego entre a mocidade.
Seguro que despois desta fermosa actuación conta cun feixe máis de seguidores e seguidoras!!


Moitas grazas polo exemplar do seu novo disco Casandra!

sábado, 2 de xuño de 2018

PREMIOS XERAIS 2018

Hoxe déronse a coñecer os gañadores e gañadora dos Premios Xerais 2018.
Emma Pedreira foi a galardoada na edición XXXV do premio Xerais de Novela pola súa obra Besta do seu sangue, Carlos Negro foi o galardoado na X edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil pola obra Aplicación instantánea e Héctor Cajaraville na edición XXXIII do Premio Merlín de Literatura Infantil por Kusuma.


Parabéns aos tres!!
 

CARLOS NEGRO, PREMIO DOS CLUBS DE LECTURA 2018

Carlos Negro recibiu onte o Premio dos Clubs de lectura 2018 en Santiago de Compostela. Nunha intervención que tiven o pracer e a sorte de presenciar, expresou o seu agradecemento nun discurso que xirou arredor dun acrónimo creado a partir da palabra "beizóns", outro xeito de dicir grazas: B de biblioteca, E de educación, I de imaxinación, Z de zoca, O de orgullo, N de necesidade e S de seguir.
Agasallounos cun marcapáxinas que contiña un poema escrito especialmente para esta ocasión.




Parabéns!!

Este premio inaugurouse no 2015 e otórgaselle aos escritores e escritoras que encabezan a lista dos máis lidos polos Clubs de lectura, que estean vivos e sen que poidan repetir galardón. Os outros gañadores das pasadas edicións foron Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016) e Miguelanxo Prado (2017).