luns, 26 de maio de 2025

XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Hoxe tivo lugar no centro unha Xornada de portas abertas, na que o alumnado de nova incorporación no vindeiro curso e o seu profesorado puido ver a nosa biblioteca e aprender sobre o seu funcionamento grazas ás explicacións de tres alumnas do Equipo de Voluntarias, tamén integrantes do Club de lectura, que, a modo de resumo, remataron coa presentación "A nosa biblioteca".
 
Esperamos que cheguedes a gozar dela tanto coma nós!!
  
Un momento da presentación.

venres, 23 de maio de 2025

ENCONTRO CON ANTÍA YÁÑEZ

Hoxe, á fin, puidemos gozar da tan esperada visita de Antía Yáñez! Primeiro, o profesorado do Club de lectura reuniuse con ela para falar do seu libro O clan das barbies, unha distopía con temas como os abusos, a prostitución, a xestación subrogada... A continuación, foi o turno do alumnado do grupo de 1º ESO do Club de lectura, co que tivo un agradable encontro en torno, principalmente, ao seu libro Plan de rescate, aínda que tamén se comentaron detalles de O misterio de Portomarín e O misterio do torque de Burela.

Grazas, Antía, pola túa visita!

Co alumnado do grupo de 1º ESO do Club de lectura.  


Asinando exemplares ao alumnado.

Co grupo de profesoras do Club de lectura.

martes, 20 de maio de 2025

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Para celebrar o Día das Letras Galegas, contamos coa magnífica actuación do grupo de cantareir@s de Fisterra "@s do Berrón", formado por unha exalumna, e familiares de alumnado actual e exalumnado, ás que agradecemos moitísimo que aceptasen a nosa invitación.

Por outra banda, fixemos unha exposición de coplas cantadas polas cantareiras homenaxeadas este ano e algúns libros da biblioteca centrados neste tema.

Finalmente, o alumnado do Club de lectura puxo voz a unha montaxe sobre a poesía popular oral e as cantareiras protagonistas do Día das Letras Galegas 2025.
  




luns, 12 de maio de 2025

O CLUB DE LECTURA EN SANTIAGO

E continuamos co relato da viaxe do Club de lectura... Despois de pasar a noite en Santiago, quedamos todo o día na cidade. 
 
Pola mañá visitamos a Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, onde puidemos ver dúas exposicións moi interesantes: Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego e Mulleres artistas: aprendendo o oficio.
A continuación somerxémonos no mundo da realidade virtual coa exposición Orixes: presenciamos impactos de meteoritos, compartimos espazo con dinosauros..., asistindo a catro mil millóns de anos de evolución do noso planeta!

Despois de repoñer forzas no centro da cidade, chegou a quenda dos libros: fixemos unha ruta polo Santiago de Cando sangren os lobos, de Adrián Gómez, e visitamos librerías e á Feira do libro, onde tivemos un breve encontro coa escritora Paula Carballeira, que, previsiblemente, nos visitará o curso que vén. Grazas, Paula, por ser tan simpática con nós!

Dous días ben intensos de actividades culturais!
 

Na Biblioteca de Galicia.

Na Biblioteca de Galicia.

Exposición "Mulleres artistas: aprendendo o oficio".

Exposición "Os vieiros da literatura fantástica en galego".
 
Exposición "Os vieiros da literatura fantástica en galego".

Exposición "Orixes".


Ruta literaria: "Cando sangren os lobos".

Un dos escenarios de "Cando sangren os lobos".

Na librería Follas Novas.

Na librería Follas Novas.

Con Paula Carballeira na Feira do Libro.

Na Feira do Libro.

O CLUB DE LECTURA EN RIBADAVIA

Este ano, por primeira vez, fixemos co Club de lectura unha saída de dous días: o primeiro a Ribadavia e o segundo a Santiago.

En Ribadavia realizamos unha ruta literaria baseada no libro Memoria do silencio, de Eva Mejuto, lido polas alumnas do grupo de 3º ESO do Club de lectura. Ademais, visitamos a vila (o castelo, o barrio xudeu, o museo etnolóxico...), mercamos doces sefardís e comemos na preciosa área recreativa da Veronza, a carón do río. 
 
 

Ruta literaria baseada en "Memoria do silencio".
 

Ruta literaria baseada en "Memoria do silencio".

No castelo de Ribadavia coas nosas audioguías.


No barrio xudeu.

Comendo na Veronza.
 

No Museo Etnolóxico de Ribadavia.

luns, 5 de maio de 2025

INTELIXENCIA ARTIFICIAL PARA A SOCIEDADE

Un encontro máis con autores! Esta vez con Óscar Rey e Fina Paulos, autores dun libro divulgativo: Intelixencia artificial para a sociedade. Os autores presentáronnos, dun xeito moi ameno, varias ferramentas de IA axeitadas para o ámbito educativo e amosáronnos supostos prácticos.
 
Grazas, Óscar e Fina, pola vosa visita! 
 

venres, 2 de maio de 2025

DÍA MUNDIAL CONTRA O ACOSO ESCOLAR

Dende o ano 2013 celébrase o 2 de maio o Día Mundial contra o Acoso Escolar en todas as súas formas (acoso físico, psicolóxico, verbal, social, ciberbullying) co obxectivo de dar visibilidade a todos os riscos que implica. A celebración desta xornada xurdiu da asociación Bullying Sin Fronteras, que proclamou este día a través dun comunicado que contou co apoio de máis de 3.000 organizacións non gobernamentais por todo o mundo. 

Dende a biblioteca queremos propoñervos varios libros, incluídos nun díptico que elaboramos.
Esperamos que vos guste e que gocedes da súa lectura!!