luns, 28 de abril de 2025

ENCONTRO CON ROCÍO LEIRA

Continuamos coas actividades do mes do libro! Esta vez, o alumnado de 3º ESO do Club de lectura tivo un agradable encontro con Rocío Leira, autora de A afogada, lido a finais do segundo trimestre. Falounos do seu traballo como escritora, pero tamén, e sobre todo, dun dos temas fundamentais do libro: o non sempre ben comprendido mundo das altas capacidades.

Moitas grazas, Rocío, pola túa visita!
 

venres, 25 de abril de 2025

DÍA DO LIBRO

Chegou o Día do Libro, e como o celebramos nós? Un ano máis, recomendamos lecturas, convocamos o II Concurso de Booktubers IES Fin do Camiño, lemos contos ao alumnado de Educación Infantil do CEIP Mar de Fóra... e recibimos como agasallo bombóns e marcapáxinas personalizados! 
 
 












martes, 22 de abril de 2025

NAVEGA CON RUMBO

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha actividade enmarcada no ámbito ALFIN dirixida ao alumnado de 1º ESO. Felipe Martínez Hermo, relator do CPEI, levounos nunha viaxe pola seguridade en liña.

Lonxe de fórmulas complexas, teceu unha narrativa facilmente comprensible, empregando exemplos cotiáns para revelar os riscos inherentes a compartir información persoal descoidadamente. Destacou a importancia crucial de crear contrasinais fortes e cultivar un ambiente respectuoso nas interaccións en liña.
 

ENCONTRO CON LAURA SUÁREZ

Que mellor anticipo do Día do Libro que o encontro cunha escritora e ilustradora? Laura Suárez visitounos para falar do seu libro Monte Pindo. Historias e lendas do Olimpo celta, lido polos grupos de 1º e 3º ESO do Club de lectura no segundo trimestre.

Falounos do traballo de documentación previo á escrita do libro, do mundo da ilustración e, como non?, de lendas e mitos...

Grazas, Laura, pola túa visita! 



mércores, 2 de abril de 2025

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Coma outros anos, o IBBY conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen, como xeito de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos e novas.

Cada ano unha sección nacional do IBBY é a patrocinadora da conmemoración, seleccionando un escritor ou escritora representativos e un recoñecido ilustrador ou ilustradora do seu país para que elaboren a mensaxe e o cartel dirixidos a todos os nenos e nenas do mundo. Países Baixos é o encargado no 2025. O tema é "A liberdade da imaxinación" e o lema é a última frase do poema Linguaxe visual, da escritora Rian Visser e a ilustradora Janneke Ipenburg: "Son túas estas palabras que saíron da miña boca".