xoves, 27 de marzo de 2025

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

A celebración do Día Mundial do Teatro é unha iniciativa impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI). 

Un dos seus actos máis importantes é a elaboración e difusión da Mensaxe do Día Mundial do Teatro, na que figuras importantes a nivel internacional son invitadas polo ITI para compartir os seus pensamentos sobre o teatro e a cultura de paz. Este ano a persoa encargada é o dramaturgo grego Theodoros Terzopoulos, director de teatro, profesor, escritor, fundador e director artístico do Teatro Attis, inspirador da Olimpiada Teatral e Presidente da Comisión Nacional da Olimpiada Teatral.

Podedes ler a súa mensaxe aquí.
 
E como o celebramos nós? Creamos o noso particular taboleiro-escenario onde expuxemos os datos que consideramos máis salientables dos autores e autoras teatrais máis lidos por nós. Por outra banda, tamén amosamos algúns dos fondos teatrais da nosa biblioteca e elaboramos un díptico coas nosas recomendacións.
 
 

 

venres, 21 de marzo de 2025

DÍA MUNDIAL DA POESÍA

Este ano dedicamos o Día da Poesía a cinco poetas de Fisterra. O alumnado do Club de lectura converteu a rúa que leva ao noso centro nun Paseo da Poesía, colgando nos postes e farois poemas de poetas fisterráns, despois de pedir permiso ao Concello para facelo. 
Na entrada do centro expuxemos poemas seus acompañados dunhas breves biografías, así como poemarios de escritores e escritoras da Costa da Morte que podedes atopar na nosa biblioteca, cos que tamén elaboramos un díptico.
 
Medre o mar da poesía! 







martes, 18 de marzo de 2025

AMORODIO TEATRO: "A NAI"

Onte o alumnado de 3º e 4º ESO asistiu no Auditorio da Casa da Cultura de Cee á representación da obra "A Nai", de Amorodio Teatro. Entrelazando presente e pasado, a obra recorda a historia das irmás Touza, que, dende Ribadavia, formaban parte dunha rede clandestina que axudaba a persoas fuxidas do réxime nazi a acadar a liberdade, achegándoas á fronteira con Portugal.
 
As irmás Touza son tamén as protagonistas de Memoria do silencio, de Eva Mejuto, libro que veñen de ler as alumnas do grupo de 3º do Club de lectura.
 
O alumnado coas actrices e o actor da obra.
 

domingo, 16 de marzo de 2025

EMPRENDEMENTO DA MULLER NO RURAL

O venres 14 de marzo visitounos María, da granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, que tivo un encontro na biblioteca co alumnado de 3º e 4ºESO enmarcado no proxecto educativo "Dá o paso, emprende no rural". 
No obradoiro falounos de conceptos como oferta, demanda, valor engadido..., das cualidades que debería ter unha persoa emprendedora e doutros proxectos de emprendemento no rural como Eferro, Naturavia ou Orballo. Finalmente, o alumnado, en pequenos grupos, reflexionou sobre o tipo de proxecto que tería éxito no seu propio entorno rural.
 
 
 

sábado, 8 de marzo de 2025

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No centro conmemoramos o Día Internacional da Muller con varias actividades. 
 
Inauguramos a exposición As mulleres da nosa vida, con fotografías proporcionadas polo alumnado; editamos e proxectamos un vídeo-homenaxe ás mulleres de Fisterra; o alumnado de 1º ESO leu os seus manifestos con oito razóns polas que conmemorar o 8 de marzo, previamente traballados na materia Lingua Castelá e Literatura; o alumnado de 2º, 3º e 4º ESO realizou carteis con información sobre mulleres famosas de países de fala inglesa na materia Lingua Estranxeira - Inglés; e fixemos unha exposición e un tríptico con fondos da biblioteca relacionados co tema.
 
Grazas a todas as persoas que colaboraron na conmemoración deste día no noso centro!
 
 


Alumnado de 1º ESO cos seus manifestos.


As nosas propostas dende a biblioteca.


Parte dos carteis elaborados polo alumnado na materia LE-Inglés.


Traballo do alumnado de 1º ESO en LCL.