venres, 29 de novembro de 2024

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. Este ano 2024 a persoa encargada de facelo foi Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, que foi Premio nacional de investigación 2023.
  
Dende a biblioteca, recompilamos as nosas propostas nunha montaxe protagonizada por membros do Club de lectura que esperamos que vos guste!
 
Felipe Criado-Boado, á esquerda da imaxe.

 

xoves, 28 de novembro de 2024

QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha charla, organizada polo Departamento de Orientación, dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcada no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos na elección de itinerarios formativos e profesións con pouca representación feminina. Visitáronos a Secretaria Xeral de FEARMAGA e unha profesional do sector da madeira.


luns, 25 de novembro de 2024

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Hoxe o noso centro participou no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Nel, Mencía leu un manifesto por unha relación de parella saudable e Lois presentou a proxección da montaxe Vivir, non sobrevivir, protagonizada por alumnado do Club de lectura.

Por outra banda, o alumnado de Oratoria editou un xornal especial adicado á violencia contra a muller.
 


 


 
 

mércores, 13 de novembro de 2024

PUÑOS DE HARINA

O alumnado de 3º e 4º ESO asistiu hoxe á representación teatral "Puños de harina" no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. 

A obra, escrita e interpretada por Jesús Torres, de El Aedo Teatro, preséntanos dúas historias en forma de monólogo: a historia real de Rukeli, boxeador alemán e xitano que viviu na época da Alemania nazi, e a historia de Saúl, un mozo xitano na España rural dos anos oitenta na procura da súa identidade.

É unha obra que reflexiona sobre o racismo, a homofobia, a violencia e a masculinidade, merecedora de numerosos recoñecementos como o Premio Teatro 2019 Autor Exprés pola Fundación SGAE, Finalista a Premios Max 2021, Premio Nazario 2020 polo Festival Europeo do Sur Cultura con Orgullo.

Grazas ao Concello de Vimianzo pola súa invitación!
 
 
 
 
 

sábado, 2 de novembro de 2024

OS NENOS DA VARÍOLA

O pasado mércores 30 de outubro o alumnado do centro, dividido en dous grupos, realizou unha ruta guiada pola Coruña que o levou tras os pasos da Real Expedición Filantrópica da Vacina, fito científico relatado nos libros Os nenos da varíola, de María Solar, e Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, de El primo Ramón. Durante o roteiro coñecemos máis a fondo esta aventura e detalles da vida dalgúns dos personaxes implicados nela, o alacantino Doutor Francisco Javier Balmis, a coruñesa Isabel Zendal Gómez e os vintedous nenos que cambiaron o mundo, ao manter viva a vacina nunha viaxe transoceánica.