venres, 20 de decembro de 2024

NADAL

Este curso celebramos no centro o Nadal con varias actividades. Parte do alumnado de 2º e 3º ESO ofreceu un concerto de Nadal organizado polo Departamento de Música; o alumnado de Oratoria e unha das integrantes do Club de lectura escribiron un conto de Nadal que logo leron ao alumnado de Educación Infantil dos CEIP Mar de Fóra e Areouta; o Departamento de EPVA organizou un concurso de decoración de árbores de Nadal; gozamos de dous obradoiros, un de rap coa saúde mental como tema e outro de estampación de camisetas; e, finalmente, como xa vén sendo habitual, dende a biblioteca publicamos a nosa particular postal de Nadal coas novidades que foron chegando a ela no primeiro trimestre e ao pé do mural coa árbore de Nadal feita con portadas de libros de recente incorporación, puidestes botar unha ollada as novidades expostas.

Xa sabedes que estas vacacións son un bo momento para ler!!

BO NADAL!!!  
 
 



 


 

Se facedes clic no círculo amarelo das portadas, teredes máis información sobre os libros.

venres, 29 de novembro de 2024

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Todos os anos dende 2014 celébrase en novembro o mes da ciencia en galego nas bibliotecas, celebración na que participa unha científica ou un científico galego redactando un manifesto no que reivindica a importancia da ciencia. Este ano 2024 a persoa encargada de facelo foi Felipe Criado-Boado, arqueólogo e director do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, que foi Premio nacional de investigación 2023.
  
Dende a biblioteca, recompilamos as nosas propostas nunha montaxe protagonizada por membros do Club de lectura que esperamos que vos guste!
 
Felipe Criado-Boado, á esquerda da imaxe.

 

xoves, 28 de novembro de 2024

QUE NON TE LÍEN, TI ELIXES

Hoxe tivo lugar na biblioteca unha charla, organizada polo Departamento de Orientación, dirixida ao alumnado de 3º e 4º ESO, enmarcada no programa educativo "Que non te líen, ti elixes", co que se pretende fomentar o rexeitamento de estereotipos de xénero e prexuízos na elección de itinerarios formativos e profesións con pouca representación feminina. Visitáronos a Secretaria Xeral de FEARMAGA e unha profesional do sector da madeira.


luns, 25 de novembro de 2024

DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Hoxe o noso centro participou no acto organizado polo Concello de Fisterra para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Nel, Mencía leu un manifesto por unha relación de parella saudable e Lois presentou a proxección da montaxe Vivir, non sobrevivir, protagonizada por alumnado do Club de lectura.

Por outra banda, o alumnado de Oratoria editou un xornal especial adicado á violencia contra a muller.
 


 


 
 

mércores, 13 de novembro de 2024

PUÑOS DE HARINA

O alumnado de 3º e 4º ESO asistiu hoxe á representación teatral "Puños de harina" no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo. 

A obra, escrita e interpretada por Jesús Torres, de El Aedo Teatro, preséntanos dúas historias en forma de monólogo: a historia real de Rukeli, boxeador alemán e xitano que viviu na época da Alemania nazi, e a historia de Saúl, un mozo xitano na España rural dos anos oitenta na procura da súa identidade.

É unha obra que reflexiona sobre o racismo, a homofobia, a violencia e a masculinidade, merecedora de numerosos recoñecementos como o Premio Teatro 2019 Autor Exprés pola Fundación SGAE, Finalista a Premios Max 2021, Premio Nazario 2020 polo Festival Europeo do Sur Cultura con Orgullo.

Grazas ao Concello de Vimianzo pola súa invitación!
 
 
 
 
 

sábado, 2 de novembro de 2024

OS NENOS DA VARÍOLA

O pasado mércores 30 de outubro o alumnado do centro, dividido en dous grupos, realizou unha ruta guiada pola Coruña que o levou tras os pasos da Real Expedición Filantrópica da Vacina, fito científico relatado nos libros Os nenos da varíola, de María Solar, e Novo Mundo. Isabel Zendal na Expedición da Vacina, de El primo Ramón. Durante o roteiro coñecemos máis a fondo esta aventura e detalles da vida dalgúns dos personaxes implicados nela, o alacantino Doutor Francisco Javier Balmis, a coruñesa Isabel Zendal Gómez e os vintedous nenos que cambiaron o mundo, ao manter viva a vacina nunha viaxe transoceánica.
 



xoves, 31 de outubro de 2024

SAMAÍN

O Samaín xa está aquí!! 
Dende a biblioteca convocamos concursos de minivídeos, cómic e relatos, co terror como tema para todos eles; animámonos a pasar medo escoitando as historias creadas polo alumnado de 1ºESO con Marta Seoane na materia LCL, e puidemos botar unha ollada ás lecturas de terror expostas ao carón do mural da entrada do centro.
Feliz Samaín!!
 








martes, 29 de outubro de 2024

MANUEL RIVAS, PREMIO NACIONAL DAS LETRAS 2024

Manuel Rivas vén de ser galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas, correspondente ao ano 2024. O xurado destacou do autor galego "a súa calidade narrativa que une forza emocional e beleza formal" e a "solidez dunha traxectoria versátil e coherente construída coa sensibilidade e a defensa da memoria histórica, a responsabilidade social e a lingua galega".
Parabéns!
 
Fotografía: Elena Ternovaja

A súa obra na nosa biblioteca.

xoves, 24 de outubro de 2024

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O día 24 de febreiro celébrase o Día das bibliotecas, este ano co lema "Por un futuro sostible" e un cartel deseñado polo ilustrador Nicolás Aznárez. 

Como o celebramos nós? Entregando diplomas ás alumnas do Equipo de Voluntarias da Biblioteca, levando a cabo unha actividade lúdica de formación de usuarios para o alumnado de 1º ESO, publicando unha guía de persoas usuarias e amosando, a través dunha presentación, algunhas das actividades realizadas nela e como a nosa biblioteca se foi convertendo ao longo dos anos nese pequeno espazo de encontro e diálogo que é hoxe en día. 

Feliz Día das Bibliotecas!!
 
Equipo de voluntarias e os seus diplomas

Alumnado de 1ºESO na procura do tesouro

O equipo gañador

Se fas clic na imaxe, accederás á presentación.


xoves, 17 de outubro de 2024

PREMIO PLANETA 2024

A escritora Paloma Sánchez-Garnica, xa finalista en 2021, vén de gañar o Premio Planeta 2024 coa obra Victoria, unha historia de amor ambientada na Guerra Fría na que, segundo a autora, amósase "a importancia do xornalismo nun dos dereitos fundamentais dunha sociedade civilizada: o dereito á información veraz e contrastada”.
 
A finalista desta edición é a novela Fuego en la garganta, de Beatriz Serrano.
 
Gañadora e finalista do Premio Planeta 2024.

mércores, 16 de outubro de 2024

ANTONIO SKÁRMETA

Onte falecía o escritor chileno Antonio Skármeta
 
Comezou a súa andaina polo mundo da literatura a través de contos como El entusiasmo (1965) ou Desnudo en el tejado (1969). 
 
Máis tarde, durante os anos no exilio despois do golpe de Estado en Chile en 1973, cambiou de rexistro e escribiu varias novelas, entre elas Soñé que la nieve ardía (1975), No pasó nada (1980), La insurrección (1982) e Ardiente paciencia (1985), una das súas obras máis recoñecidas, na que imaxinou unha sensible amizade entre o poeta chileno Pablo Neruda e o seu carteiro, levada ao cine en dúas ocasións.
 
En 2003 gañou o Premio Planeta de Novela con El baile de la Victoria, adaptada ao cine por Fernando Trueba.
 
Como dramaturgo escribiu El plebiscito, un monólogo teatral que tamén foi levado á gran pantalla na película No, de Pablo Larraín, nomeada ao Oscar en 2012.

Nas súas obras destaca a súa representación do pobo chileno, a súa fascinación pola poesía e a importancia da fraternidade entre a xente, independentemente da súa orixe ou os seus logros.
 
Fotografía: Rodrigo Fernández
 

luns, 14 de outubro de 2024

DÍA DAS ESCRITORAS

O Día das Escritoras é unha conmemoración promovida pola Biblioteca Nacional de España xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas. Comezou a celebrarse no ano 2016 o luns máis preto da festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro, e intenta poñer en valor o labor e legado das escritoras ao longo da historia.

Esta IX edición conta co comisariado da periodista e escritora Ana Iris Simón baixo o lema "A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural". 

Nós fixemos unha exposición con recensións e libros das escritoras galegas máis lidas por nós, que podedes atopar na entrada do centro.
  
 

xoves, 10 de outubro de 2024

DÍA MUNDIAL DA SAÚDE MENTAL

Para conmemorar este día no 2024, co lema "A saúde mental no traballo", a OMS decidiu suliñar a importante relación existente entre a saúde mental e o ámbito laboral, instando a promover lugares de traballo seguros e saudables libres de estigmatización, acoso ou discriminación.

Coa intención de sensibilizar e dar visibilidade a un tema tan importante como a saúde mental, dende a biblioteca propoñémosvos as lecturas incluídas neste díptico. 
 

domingo, 29 de setembro de 2024

MAFALDA ESTÁ DE ANIVERSARIO

Mafalda, esa nena audaz e reivindicativa creada por Quino, fai hoxe 60 anos. Este personaxe viu a luz por primeira vez o 29 de setembro de 1964 na revista arxentina Primera Plana. A partir de aí o seu éxito foi tal, que as tiras que protagoniza están traducidas a máis de 20 idiomas.

Podedes atopala na nosa biblioteca!

Fotografía: Nacho


Na nosa biblioteca.


venres, 27 de setembro de 2024

OUTONO DE LECTURAS

Comezamos o outono con toda unha declaración de intencións! O noso primeiro mural do curso está protagonizado por unha árbore con citas de diversos autores e autoras sobre a importancia da lectura e os libros. Agustín Fernández paz, Rosa Montero, José Antonio Millán... son os autores doutras citas coas que realizamos unha montaxe que esperamos que vos guste.

Por un curso cargadiño de lecturas! 

 


venres, 20 de setembro de 2024

PREMIO NACIONAL DE POESÍA 2024

A poeta galega Chus Pato é a gañadora do Premio Nacional de Poesía 2024 polo poemario Sonora. O xurado do premio, que entrega o Ministerio de Cultura, destacou este libro por ser “unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversa entre o poema e a morte, aquela que, tras a orfandade da nai, arrastra os lectores cara aos abismos da propia liñaxe”. 

O xurado define a autora como unha peza fundamental da poesía galega e subliña as “novas formas de deconstruír e reconstruír os marcos do pensamento poético tradicional”. 

Parabéns!!

Fotografía: Jesús Chacón

Na nosa biblioteca.

mércores, 11 de setembro de 2024

COMEZAMOS DE NOVO!

Xa está aquí un novo curso e, con el, o Equipo de biblioteca con moita ilusión e ganas, coma sempre. Esperámosvos e agardamos que veña cargado de boas lecturas!!

 

luns, 8 de xullo de 2024

REMATAMOS O CURSO!

Xa estamos en xullo! Esperamos que gozásedes das lecturas e as actividades que vos propuxemos ao longo deste curso.
 
Como despedida, deixámosvos os últimos traballos do Club de lectura: a ruta literaria baseada en Beleza vermella, de Arantza Portabales e a entrevista que as rapazas do grupo de ex-alumnas lle fixeron a autora durante o encontro do 4 de xuño para o seu espazo O recuncho do estudante en Radio Neria.
 
Bo verán!! 



Fotografía: Facebook Radio Neria

 

mércores, 26 de xuño de 2024

TEMPO DE DESPEDIDAS

Este curso despedimos cun agasallo (un libro, por suposto!) e un diploma a catro alumnas do noso Club de lectura que destacaron pola súa participación nas actividades que organizamos ao longo destes catro anos dende o Club e a biblioteca.

Moitísima sorte a todas!

luns, 17 de xuño de 2024

O CLUB DE LECTURA EN SANTIAGO

O pasado venres alumnado e profesorado do noso Club de lectura viaxamos a Santiago. Alí realizamos unha ruta literaria baseada en Beleza vermella, de Arantza Portabales, visitamos o Colexio de Fonseca, a Biblioteca América, varias librerías e o recinto da SELIC na Praza da Quintana, onde gozamos dun encontro coa escritora Andrea Maceiras, coa que falamos do seu libro Europa Express, lido durante o primeiro trimestre, e da súa nova obra Burbullas de calma serena.

Deixámosvos un booktrailer sobre Europa Express protagonizado polas alumnas do grupo de 2º do Club de lectura e un resumo da excursión.

Esperamos que vos gusten!
 
 
 

 



sábado, 8 de xuño de 2024

TORNEO DE XADREZ

Dylan e Mauro disputaron onte na biblioteca a final do Torneo de Xadrez 960 Fin do Camiño 2024. Este torneo, organizado polo Departamento de Artes Plásticas, leva celebrándose durante os recreos dos luns, martes e mércores dende hai uns meses.

Parabéns a todos os participantes, especialmente ao gañador!
 
Final entre Dylan e Mauro